Actualidade

Cladribina, outra opción para combater a Esclerose Múltiple

España estreou un novo tratamento para a Esclerose Múltiple financiado polo Sistema Nacional de Saúde (SNS). Trátase do profármaco Cladribina para administración oral, rexistrado por Merck baixo o nome de Mavenclad®, que permite “ter o máis semellante a unha vida sen enfermidade” aos pacientes que o consumen, segundo a Marieta Jiménez, a presidenta de Merck en España.

Trátase dun dos últimos avances da compañía no ámbito da inmunoloxía que permite levar a enfermidade “con sinxeleza“. Está indicado para pacientes adultos con Esclerose Múltiple Remitente Recorrente (EMRR) de alta actividade, o que implica que ten de ser o neurólogo o que analizará as características do paciente e se este tratamento modificador se adapta a el.

Debido ás características da terapia, existen doentes nos que o uso de Cladribina está contraindicado, polo que é importante que o tratamento sexa autorizado por un médico especializado.

Unha das grandes novidades desta terapia radica na súa administración, xa que non só se pode consumir oralmente (en comprimidos), senón que se realiza en dous cursos de tratamento en dous anos consecutivos. Cada curso de tratamento adminístrase durante catro ou cinco días nunha dose diaria, e este protocolo repítese ao ano seguinte durante outro ciclo de catro ou cinco días. Entre ambos os ciclos, non é necesario consumir o medicamento e, cando finalice o segundo ano, non se plantexa ningún tratamento adicional, polo menos no terceiro e cuarto ano.

A directora de Merck, Isabel Sánchez Magro, afirmou que en varios estudos realizados (CLARITY) demostrouse que, despois de dous anos de tratamento, o 80% dos pacientes non teñen brotes e nun 90% dos casos a discapacidade non evolucionou.

As características desta terapia permitirán que o paciente só teña que consumir a medicación durante dúas semanas en dous anos, sen engadir tratamentos adicionais. Na información técnica aclárase que non se investigou a continuación da terapia despois do cuarto ano, pero este formato parece dar ao paciente unha vida moito máis cómoda porque “cando se diagnostica (Esclerose Múltiple) hai un proceso de «dó», porque esta doenza supón unha perda dunha parte da saúde e, sendo dexenerativa, fai que o paciente teña que adaptar constantemente o seu modo de vida, o que favorece a aparición de trastornos psicolóxicos que, á súa vez, inflúen na administración dos tratamentos, no curso da enfermidade e na calidade de vida“, sinalou a psicóloga da Asociación AEFEM Henares, Cristina Soria Poveda.

Aínda que cladribina, como calquera outro medicamento, pode producir reaccións adversas, “os efectos secundarios son poucos, tratábeis, manexábeis e reversíbeis, polo que é unha terapia que mellora a calidade de vida dos pacientes xa que, ao mesmo tempo, o seu xeito de administración favorece a adherencia“, confirmou a doutora Oreja Guevara. Neste caso, as reaccións adversas de maior relevancia clínica parecen ser linfocitopenia (linfocitos baixos) e unha maior sensibilidade ao desenvolvemento de infeccións herpéticas polo virus Herpes Zoster (VHZ).

A eficacia deste tratamento oral foi avaliada e confirmada nos estudos CLARITY en pacientes con Esclerose Múltiple Remitente-Recorrente (EMRR) e a doutora Oreja Guevara, sinala que: “un dos beneficios deste tratamento é que os pacientes só deben ir ao hospital 3 veces ao ano para someterse a unha análise de sangue e controlar o curso da patoloxía“.

En definitiva, trátase unha nova opción terapéutica que pode facer moito máis cómodo o seguimento dun tratamento modificador en EMRR.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *