Causas da EM
A causa exacta da EM descoñécese. A EM prodúcese a consecuencia da destrución da mielina, unha funda protectora que rodea as fibras nerviosas do sistema nervioso central. Este dano á mielina interrompe a transmisión entre as neuronas interferindo a comunicación entre o cerebro e outras partes do corpo.
O dano á mielina pode deberse a unha resposta anormal do sistema inmune que normalmente defende o corpo contra a invasión de organismos tales como bacterias e virus. Moitas das características da EM suxiren unha enfermidade autoinmune. Nas enfermidades autoinmunes, o organismo ataca sen advertencia as súas propias células e tecidos, que no caso da EM, é a mielina.
Aínda que non se coñece todo sobre a orixe da EM, a teoría máis aceptada é que existen dúas posibles causas que sumadas poden desencadear a enfermidade: susceptibilidade xenética e factores ambientais.
Factores xenéticos
Os investigadores identificaron xenes particulares que poden determinar unha predisposición para contraer a enfermidade; é dicir, algunhas persoas teñen máis risco que outras de desenvolver a enfermidade, sen que polo momento coñezamos con exactitude cales son os xenes implicados.
Factores ambientais
Crese que un factor ambiental descoñecido, probablemente un virus latente no corpo, libera o efecto destes xenes actuando como disparador do proceso inmunitario anómalo que leva ao ataque á mielina e, por tanto, ao desenvolvemento da enfermidade.
Qué sabemos con seguridade sobre a EM?
Son moitos os enigmas que rodean a esta enfermidade; con todo, o noso coñecemento sobre ela avanza de forma imparable e cada vez son máis os datos que coñecemos en detalle sobre ela. Entre estes, destacaremos algúns:
- A EM produce lesións na mielina, que é a substancia que recubre as prolongacións das neuronas. A mielina é importante porque axuda ás neuronas para comunicarse.
- Esas lesións, ou placas prodúcense por acúmulos de celulas inflamatorias que penetran no sistema nervioso e atacan á mielina, destrúena e poden interromper a transmisión entre as neuronas.
- Dependendo do grao da lesión, a falta de comunicación entre as neuronas pode ser transitoria (sucede durante un tempo e logo recupérase) ou permanente.
- Cando se producen as lesións poden aparecer síntomas moi variados, tales como perda de forza, alteración da sensibilidade ou do equilibrio, perdida de visión, cansazo, etc; aínda que tamén poden pasar clinicamente desapercibidas.
- As placas antigas, carentes de células, permanecen a modo de “cicatrices” no sistema nervioso.