Que é o Párkinson?

A enfermidade de Parkinson (EP) é un trastorno producido pola deterioración e morte dun tipo de células do cerebro. Estas células producen a molécula dopamina, que participa na coordinación e xeración de movementos musculares. Trátase dun proceso crónico, progresivo e dexenerativo que se enmarca dentro dos trastornos do movemento.

A causa do parkinson é descoñecida, aínda que probablemente depende de varios factores, principalmente de natureza xenética e ambiental. Non existe unha proba capaz de distinguir esta enfermidade doutros trastornos con presentación clínica similar. Por tanto, o diagnóstico é principalmente clínico e baséase nun conxunto de preguntas, no historial do paciente e na exploración física. Os pacientes con EP teñen uns síntomas característicos, que son: lentitude nos movementos voluntarios (bradicinesia), movementos involuntarios (discinesia), rixidez nas extremidades, tremor en repouso e perda do equilibrio. O inicio da EP pode ser asimétrico, é dicir, algúns dos síntomas como a bradicinesia poden aparecer inicialmente nunha metade do corpo, para estenderse á outra metade co tempo.

Aínda que a enfermidade de parkinson é en esencia, un trastorno do movemento, as persoas afectadas desenvolven con frecuencia outras alteracións, incluíndo problemas mentais como depresión e demencia. Conforme avanza a enfermidade poden aparecer alteracións que inclúen a dor, que evoluciona a unha discapacidade grave que afecta á calidade de vida das persoas afectadas, e á dos seus familiares e persoas coidadoras.