ACEM recibe o Premio de Concienciación e Divulgación da Fundación Merck Salud
Nos V Premios Solidarios “Con la EM” da Fundación Merck Salud, ACEM recibiu hoxe o Premio Solidario de Concienciación e Divulgación na categoría colectiva pola campaña “Móvete en Taxi pola esclerose”, que está a levar a cabo este ano con motivo do seu 25 aniversario.

A campaña de ACEM “Móvete en taxi pola esclerose” resultou ser a mellor valorada e recoñecida dentro do mundo da esclerose múltiple en todo o territorio español, e polo que a Asociación recibirá un premio de 3.000 euros que irán en beneficio dos programas, servizos e actividades que leva a cabo no seu Centro de Rehabilitación Integral.
O acto de entrega dos premios tivo lugar este xoves 17 de decembro de forma online no EFE Fórum Esclerose Múltiple.

Unha vez máis queremos agradecer a Radiotaxi Santiago de Compostela Ames e Teo e a TeleTaxi Compostela, en particular aos seus presidentes Jesús García e Jesús Pena, a súa colaboración nesta campaña, que non sería posible sen a súa implicación. Tamén damos as grazas ao Concello de Santiago, en particular aos concelleiros de Políticas Sociais e Mobilidade, Mila Castro e Gonzalo Muiños respectivamente, pola súa colaboración na difusión da mesma.
Agardamos que este recoñecemento vos faga tanta ilusión como a nós!
Leave a Reply