Vivir con Parkinson

É importante que tanto a persoa con párkinson, como os seus familiares e coidadores coñezan a enfermidade e conten coas ferramentas necesarias para afrontar os cambios que a EP provoca nos diferentes ámbitos da vida.

Proceso de afrontamento

Cando unha persoa recibe o diagnóstico de EP pode experimentar diversas emocións como medo ou frustración, ou unha sensación xeral de perda de control. Normalmente as ideas con respecto ao futuro, cando non se sabe realmente a progresión dunha enfermidade, adoitan ser máis negativas do que realmente se presentan despois. Por iso, é moi importante nestes primeiros momentos informarse sobre a EP, a súa evolución, os síntomas motores e non motores, e o tratamento, para resolver así todas as dúbidas que poidan xurdir. Para afrontar a nova situación vital, é importante centrar a súa atención no presente, no día a día, en continuar realizando todas as actividades que sempre fixo e en comezar a recibir terapia rehabilitadora canto antes, dirixida a manter a mellor calidade de vida o maior tempo posible. En xeral, é mellor coñecer os beneficios de coidarse no momento presente para evitar as complicacións que, coa evolución da enfermidade, xurdirán no futuro, xa que se pode lograr unha boa calidade de vida se se toman medidas desde o principio. A mellor forma de manterse informado sobre os servizos dispoñibles e de coñecer os beneficios das terapias de rehabilitación é a través das asociacións de párkinson.

Comunicar a enfermidade

A decisión de comunicar aos demais a EP é moi persoal. Cando o diagnóstico foi recente, é probable que a persoa necesite algún tempo para asimilar a información antes de contarllo a outros. Ás veces tamén aparecen dúbidas sobre as posibles reaccións doutras persoas, pero, en xeral, abrirse aos demais pode aumentar a rede social de apoio da persoa. A continuación propóñense unha serie de pautas para comunicar a EP: É importante estar preparado, pensar en como vai iniciar a conversación, e tratar de permanecer optimista. Á hora de transmitirlles o seu diagnóstico é recomendable que o transmita en ton de seguridade. É importante saber e comunicar que os síntomas e a evolución da EP son diferentes en cada persoa. Recoméndase falar das emocións e experiencias que ten.

Ver tamén: Consellos prácticos.