Actualidade

ACEM PRESENTA O “CONCERTO SOLIDARIO ONLINE POLA ESCLEROSE MÚLTIPLE”

ADQUIRE AQUÍ A TÚA ENTRADA PARA O “CONCERTO SOLIDARIO POLA EM”

O martes 10 de novembro ás 21hrs. terá lugar o “Concerto solidario online pola esclerose múltiple”, que contará coa participación desinteresada dos artistas MJ Pérez e a banda interxeracional Deteriorados.

O concerto poderá ser seguido online e en directo a través da web do estudo A Ponte. Xa se poden adquirir as entradas solidarias a 10 euros.

Esta iniciativa solidaria busca visibilizar a esclerose múltiple e recadar fondos para atender as necesidades de persoas afectadas por ésta e por outras neurodexenerativas semellantes, axudando así á mellora da súa calidade de vida.

A Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (A.C.E.M.) organiza este outono o seu evento solidario anual, que desta volta cobra forma de concerto de música online, debido a que a crise sanitaria imposibilitou a realización da que sería a VI Carreira-Andaina solidaria.

Para adaptarse ás circunstancias actuais, A.C.E.M. ten preparada xa unha alternativa á altura, que permita visibilizar a enfermidade e obter a captación de fondos precisa para prestar os servizos sociosanitarios que necesitan os pacientes afectados de esclerose múltiple e doutras enfermidades neurodexenerativas semellantes.

O CONCERTO SOLIDARIO POLA ESCLEROSE terá lugar o martes 10 de novembro ás 21 hrs. e poderá ser seguido online e en directo coa adquisición dunha entrada solidaria de 10 euros, xa á venda na web do estudo A Ponte. O concerto contará coa actuación desinteresada dos artistas MJ Pérez e a banda Deteriorados.  Entre os que adquiran unha entrada do concerto sortearase unha cea para dúas persoas en La Bodeguilla e tamén un Circuito Termal en As Termas de Cuntis.

OS ARTISTAS SOLIDARIOS

MJ PÉREZ

MJ Pérez é unha cantautora galega que bebe de diferentes estilos, co predominio do rock-pop nos seus primeiros álbums e cun xiro cara sons máis latinos e música de raíz no seu último disco. Suma case 200 concertos por toda Galicia e parte de Portugal. 

O seu traballo discográfico esta formado por 4 álbums “Ollos que non ven, síntoma de cegueira”, “Guerrilleira”, “Casandra” e “A Luz Prendida” que está presentando agora, todos eles autoproducidos. A isto súmanse diversas colaboracións con outros artistas dentro e fóra do escenario.

A artista pasou xa por festivais coma o Noroeste Pop Rock ou o Festival do Queixo (Arzúa), asi como polos principais circuitos de concertos do panorama galego. Foi finalista no “I Certame de Canción de Autor” de Teo e acadou un segundo posto no “VIII Concurso Musical da Deputación da Coruña”. Obtivo o 1º posto no “Xuventude Crea 2017” e foi finalista nos Premios Martín Códax da Música Galega no 2019 e 2020. 

O pop-rock, ritmos latinos e música de raíz combínase con outros xéneros musicais neste proxecto onde MJ emprega a música como medio de expresión, e o traballo constante como clave para seguir creando e avanzando neste camiño. 

“MJ PÉREZ”

DETERIORADOS

Deteriorados é unha banda interxeracional de Country & Blues Heróico do Delta do Morrazo, caracterizados por un estilo moi singular, uns instrumentos pouco convencionais e un repertorio exclusivo.

Deteriorados nace co desexo de continuar creando e desenvolvendo unha actividade cualitativa tras a xubilación, e é a punta da lanza comunicativa de Vulnerables. A banda está composta por cinco persoas con idades comprendidas desde os case 70 anos ata os 20.

Vulnerables é un proxecto transversal que quere reinventar o concepto de “envellecemento”, negándose a aceptar que ser vello ou vella sexa sinónimo de inactividade intelectual. Vulnerables é un lugar de encontro entre a mocidade e @s maiores con actitude colaborativa que queren seguir achegando coñecemento e experiencia á sociedade máis aló da xubilación, e sobre todo, que están interesados en deixar o seu legado nunha interacción interxeneracional activa e recibir d@s moz@s a súa osadía e vitalidade.

“DETERIORADOS”

O ESTUDO “A PONTE DOS CONCERTOS”

O concerto terá lugar no estudo A Ponte dos Concertos, que acolleu actuacións online de artistas coma Susana Seivane, Chamaquito Pistolas, Paco Nogueira, Udra… Este estudo ofrece unha excelente calidade de son, realización multicámara, impecable iluminación e posibilidade de interacción co público mediante chat durante o concerto online. Todo elo enmarcado nun precioso local restaurado do século XIX.

COLABORADORES

A.C.E.M. quere agradecer ás empresas que colaboran neste Concerto solidario pola esclerose, contribuindo así á visibilización da enfermidade e axudando a mellorar a calidade de vida das persoas afectadas, xa que a recadación de fondos destinase á atender as necesidades destes pacientes e dos que teñen enfermidades neurodexenerativas semellantes.

Colaboran neste concerto solidario Viaqua, Hortas Suministros S.L., García Salgado Asesores, Gadis, Otero Caritón, Los Ángeles Gas, Farmacia Os Ánxeles, A nave de Vidán, Renault Caeiro, Prysma, Portomédica, Cousiña Rica, Frut-Dos, Novoneón, La Bodeguilla e Termas de Cuntis.  Grazas tamén ao Concello de Santiago pola súa contribución na mellora dos servizos de A.C.E.M.

ADQUIRE AQUÍ A TÚA ENTRADA PARA O “CONCERTO SOLIDARIO POLA EM”

A Esclerose Múltiple

A esclerose múltiple (EM) é unha enfermidade crónica e dexenerativa, caracterizada por un nivel de discapacidade que vai aumentando progresivamente. O 70% dos casos prodúcense entre os 20 e 40 anos, en pleno desenvolvemento persoal e laboral e dáse con máis frecuencia (máis do dobre) en mulleres que en homes. É a segunda causa de discapacidade entre adultos xóvenes despois dos accidentes de tráfico, e a primeira en discapacidade sobrevida. Galicia é a comunidade con maior prevalencia da enfermidade con máis de 4.000 persoas afectadas.

A Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple

Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (A.C.E.M.) é unha entidade sen ánimo de lucro que nace no ano 1995 co fin de contribuir a mellorar a calidade de vida das persoas afectadas por esta doenza, así coma a dos seus familiares e coidadores. No ano 2007 foi recoñecida como entidade de Utilidade Pública.

A.C.E.M. está formada por persoas con EM, ELA, enfermidades neurodexenerativas afíns, así coma familiares, coidadores e persoas sensibilizadas coa doenza. Actualmente, conta con 265 socios e o seu ámbito de actuación é a área sanitaria de Santiago de Compostela.

No seu Centro de Rehabilitación Integral A.C.E.M. ofrece unha atención multidisciplinar e integral, paliativa e preventiva a través dun equipo multidisciplinar de acción conxunta especializado no sector. Entre os servizos que ofrece atópase a atención sociosanitaria, con fisioterapia, logopedia, intervención psicolóxica en esclerose múltiple, terapia ocupacional e traballo social. A asociación realiza ademais outras actividades como pilates, golf adaptado, obradoiros, e xornadas e accións de divulgación e concienciación sobre a esclerose múltiple.

ACEM pertence a COGAMI, FEGADEM e a AEDEMCOCEMFE,  que é membro de pleno dereito da Federación Internacional de Esclerosis Múltiple (MSIF) e da Plataforma Europea de Esclerosis Múltiple (EMSP).

Para obter máis información,pacientes e familias poden poñerse en contacto de 9 a 14h nos teléfonos 981 575 240 – 620 533 471, no correo electrónico acem.santiago@gmail.com ou na web www.acemsantiago.org.    

Podes atopar a ACEM nas seguintes REDES SOCIAIS:

FACEBOOK – TWITTERINSTAGRAMYOUTUBELINKEDIN

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *