Actualidade

Pilar e Bruno: 60 anos xuntos!

Con motivo do Día dos namorados homenaxeamos a esta entrañable parella, coñecida por todas e todos en ACEM.

Durante anos subían xuntos cada día 300 chanzos e baixaban no ascensor para volvelos a subir; era o seu xeito de facerlle fronte á ELA de Pilar.

Imos a fisioterapia, á logopedia…”, comenta Bruno: porque a rehabilitación de Pilar é tamén a súa.


Pilar forma parte de ACEM e de ADELA, Asociación Española de Esclerose Lateral Amiotrófica.

Pilar e Bruno levan 60 anos xuntos: 55 de casados e 5 de mozos. Coñecéronse no baile da peregrina en Santiago, e lembran perfectamente que día era: o primeiro domingo de setembro de 1963. Ese día bailaron. A partir de aí Bruno apurouse en ir visitala todas as semanas, ata que foi cos seus pais á casa de Pilar, a facerlle a pedida oficial.

Casaron no 68, e comezaron a formar a familia que hoxe son, cos seus fillos Bruno e Juan Carlos. El traballaba coma torneiro mecánico e destaca de Pilar o moito que traballou toda a vida: criando aos dous fillos noite e día na casa, e fóra nun despacho auxiliar de apostas benéficas.

Un día de 1999 Pilar empeza a ter arrepíos en pleno verán, e a falar mal. Foi o comezo dun diagnóstico de ELA, Esclerose Lateral Amiotrófica. Ao principio Pilar defendíase ben, e ambos adicábanse a pasear todos os días, a camiñar, a subir escaleiras. Pilar lembra con nostalxia eses anos nos que subían xuntos cada día 300 escaleiras e baixaban no ascensor para volvelas a subir, cando aínda podía mover as pernas. Unha acción que simboliza moi ben a determinación da parella ante o previsible avance da enfermidade.

Pilar ten a súa forma de afrontar a ELA: Movéndose. Ela fai exercicios físicos na casa, intentando mover pernas e brazos, e despois Bruno axúdalle facéndolle outros: “todos os días, móvolle as pernas, 40 veces cada unha”. A metáfora bélica a eles lles motiva. Pilar “segue loitando” e Bruno pónlle todos os medios que están na súa man para que o poida facer. Montoulle no garaxe dúas paralelas para que camiñe e faga un pouco de forza nas pernas.

Aínda que o tempo de coidado é moito, Bruno tamén desfruta do seu hobbie, a horta. Nela planta pementos, tomates, fabas, xudías, árbores frutais… E da horta á cociña. E aí, el fai de pinche e Pilar dirixe, porque quen sabe, sabe.

Pilar e Bruno non queren deixar pasar esta oportunidade para agradecer o trato que reciben dos seus médicos e médicas: o Dr. Pardo, o Dr. Zamarrón, a Dra. Cantón e a Dra. Antelo. Están encantados coa súa amabilidade: “son todos marabillosos”.

Afrontan a enfermidade con moita paciencia: “día a día, semana a semana, mes a mes, e coa esperanza de que nalgún momento aparezca algunha medicación que nos bote unha man, e desfrutando dos fillos”, comenta Bruno.

Unha aperta enorme para Pilar e Bruno, saben que en ACEM teñen todo o noso apoio e cariño. Grazas por compartir a vosa historia.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *