Os taxistas entregan o recadado a ACEM como peche da campaña “Móvete en taxi pola esclerose”
- Despois dun ano coa venda de pulseiras solidarias nos taxis os colectivos RadioTaxi Compostela, Ames e Teo e Teletaxi Compostela pecharon esta mañá a campaña cunha entrega simbólica do recadado.
- O recadado coa campaña xa se está a invertir en equipamento para o ximnasio do centro de rehabilitación integral de ACEM.
- A campaña pechouse hoxe nos taxis, mais as pulseiras solidarias poderán seguir adquiríndose na Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple.
Os colectivos de taxis de Santiago e comarca, representados no presidente de RadioTaxi Compostela, Ames e TeoJesús García, fixeron está mañá entrega simbólica á Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple dun cheque do recadado coa campaña “Móvete en taxi pola esclerose”: 5.823,5 euros conseguidos polos taxistas coa venda de pulseiras solidarias nos taxis durante un ano.
Teresa González Salvadores, presidenta de ACEM, quixo agradecer no acto unha vez máis a disposición e implicación dos colectivos de taxis da cidade: Radio Taxi Compostela, Ames e Teo e Tele Taxi Compostela, en particular aos seus presidentes, Jesús García e Jesús Pena, e en xeral a todos os taxistas que quixeron sumarse a esta campaña, sen cuxa participación e compromiso esta campaña non tivera sido posible. Tamén agradeceu ao Concello de Santiago seu apoio na difusión desta iniciativa.
O presidente de TeleTaxi Compostela Jesús Pena -que non puido estar presente hoxe no acto- achegouse hai uns días a ACEM para coñecer o equipamento adquirido para o ximnasio do Centro de Rehabilitación Integral grazas á recadación da campaña.
A CAMPAÑA “MÓVETE EN TAXI POLA ESCLEROSE”
A campaña “Móvete en taxi pola esclerose” é unha campaña de visibilización e captación de fondos que ACEM iniciou o pasado mes de xuño con motivo do seu 25 aniversario, e coa que 150 taxistas de Santiago e comarca portaron durante un ano nos seus taxis vinilos co lema da campaña e pulseiras solidarias para a súa venda. A campaña naceu cunha dobre finalidade solidaria: contribuir a investigación do cancro infantil (destinando ACEM dous tercios do recadado á Fundación Cris) e recadar fondos para o equipamento dun ximnasio no Centro de Rehabilitación Integral de ACEM.
A campaña obtivo un recoñecemento nacional, o da Fundación Merck Salud, acadando o Premio Solidario á mellor campaña de Concienciación e Divulgación nos V Premios Solidarios “Con la EM”.
Aínda que a campaña pechouse hoxe nos taxis, as pulseiras solidarias da campaña poderán seguir adquirindose na Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple: Rúa Queixume dos pinos, 4 (Salgueiriños).
Máis información sobre esta campaña en: http://www.acemsantiago.org/movete-en-taxi-pola-esclerose/
Leave a Reply