Actualidade

Case 90 persoas con esclerose múltiple ou párkinson beneficiáronse o pasado ano de fisioterapia en ACEM

Con este servizo proporcionouse a rehabilitación fisioterapéutica necesaria para mellorar a calidade de vida das persoas afectadas de Santiago de Compostela e comarca.

Este proxecto forma parte do Plan de Prioridades da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE), financiado pola Fundación ONCE.

Servizo de fisioterapia en ACEM

Case 90 persoas con esclerose múltiple, párkinson e outras enfermidades neurodexenerativas de Santiago e comarca participaron en 2023 no programa de rehabilitación fisioterapéutica executado pola Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, Párkinson, ELA e outras (ACEM), co que contribuíu á mellora da calidade de vida de persoas afectadas.

Con este proxecto, presentado a través da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE), conseguiuse manter no tempo altos niveis de funcionalidade e autonomía persoal así como previr unha deterioración prematura.

O servizo de fisioterapia leva prestándose en ACEM dende hai anos, como parte dun proceso de rehabilitación Integral. Se ben foi ampliándose nos últimos anos debido ao aumento da demanda das persoas usuarias, que como consecuencia dos síntomas e da deterioración propia destas enfermidades, sofren importantes trastornos físico-motores.

Esta terapia é clave dentro da atención interdisciplinar que ofrece ACEM, que valora individualmente a cada paciente e deseña o plan de rehabilitación, adaptándoo á evolución da enfermidade e outros factores que poden repercutir sobre o estado de saúde e a funcionalidade (ambientais, sociais,…). Entre os obxectivos do servizo están a modulación do ton muscular, o mantemento e a mellora dos rangos articulares, a diminución da dor e a reeducación do patrón da marcha e o equilibrio.

O proxecto de rehabilitación fisioterapéutica forma parte do Plan de Prioridades da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE), financiado pola Fundación ONCE. A Confederación xestiona esta subvención para o financiamento dos proxectos prioritarios das súas entidades, proporcionándolles asesoramento e realizando un seguimento pormenorizado durante todo o proceso.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *