Actualidade

ACEM defende a #InclusiónImparable en tempos de pandemia

  • As organizacións de persoas con discapacidade física e orgánica defenden o cumprimento da Convención sobre os dereitos das persoas con discapacidade de Nacións Unidas.
  • Baixo o lema “A defensa de dereitos non para”, a Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (ACEM) e o Movemento Asociativo de COCEMFE conmemoran o Día Nacional deste tratado internacional que se celebra o 3 de maio.
  • ACEM reivindica que se garanta o dereito á saúde e a protección das persoas con discapacidade física e orgánica e persoas con enfermidades crónicas.

Baixo o lema “A defensa de dereitos non para”, a Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (ACEM) e o Movemento Asociativo da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE) conmemoran o 2º Día Nacional da Convención sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade de Nacións Unidas, que se celebra o 3 de maio, a través da campaña # InclusiónImparable.

A campaña ten como obxectivo reivindicar o cumprimento da Convención sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade de Nacións Unidas, tamén en situacións de pandemia como a actual, facendo énfase na defensa do dereito á saúde. De igual modo, a través desta iniciativa preténdese visibilizar o labor desenvolvido por COCEMFE e o seu Movemento Asociativo a pesar da crise da COVID-19.

“Desde COCEMFE e o noso Movemento Asociativo non deixamos de traballar e de transformar a nosa actividade durante a crise sanitaria ocasionada pola pandemia de COVID-19 para prestar atención ás persoas e ás organizacións, dando prioridade ás necesidades máis urxentes e velando pola dignidade e dereitos das persoas con discapacidade”, remarca o presidente de COCEMFE, Anxo Queiruga.

“Denunciamos as prácticas ou recomendacións discriminatorias, trasladamos ao Goberno as necesidades das persoas con discapacidade física e orgánica, en situación de dependencia ou con enfermidades crónicas e facilitamos á poboación o acceso a tratamentos farmacolóxicos e a equipos de protección individual e material sanitario”, engade Queiruga.

Pola súa banda, a Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, non cesou tampouco na súa actividade, traballando a forma de seguir ofrecendo os seus servizos sociosanitarios a distancia durante o estado de emerxencia. Así o sinala, Mª Teresa González Salvadores, presidenta de ACEM: “Os usuarios necesitan seguir coas súas sesións de rehabilitación, por iso implantamos os servizos online de Fisioterapia, Logopedia, Atención Psicolóxica e Terapia Ocupacional, coas súas sesións individualizadas. Non é fácil, xa que moitos usuarios non están familiarizados coas ferramentas tecnolóxicas; para iso elaboramos un titorial e prestámoslle a asistencia necesaria, tentando eliminar esas barreiras para que poidan recibir os servizos que necesitan”.

 A actual crise masiva de saúde pública, está a provocar unha crise social e económica de efectos devastadores que está a castigar severamente ás persoas con discapacidade e ás súas familias, comprometendo a súa saúde e ocasionando falecementos entre as persoas deste grupo social. Por iso, COCEMFE e o seu Movemento Asociativo fan fincapé na necesidade do cumprimento da Convención para garantir en situacións de emerxencia como a actual o dereito á saúde e a seguridade e a protección das persoas con discapacidade física e orgánica e persoas con enfermidades crónicas.

Baixo o hashtag # InclusiónImparable, ACEM e o Movemento Asociativo de COCEMFE animan á cidadanía para participar nesta campaña en redes sociais e sumarse á reivindicación do máximo respecto a esta norma xurídica de cumprimento imperativo en España, como tratado internacional de dereitos humanos.

Concretamente, as organizacións que engloba COCEMFE reclaman que se garanta o acceso a todas as persoas con discapacidade física e orgánica, en situación de dependencia ou con enfermidades crónicas a todos os medicamentos ou produtos sanitarios que necesitan, así como aos Equipos de Protección Individual (EPIs) e test rápidos de COVID-19 nos centros sociosanitarios de atención a persoas con discapacidade física e orgánica ou en situación de dependencia, entre outras cuestións.

“É necesario proporcionar protección das mulleres e nenas con discapacidade, promovendo o exercicio do seu dereito á saúde, evitando as restricións de acceso a atención e protocolos sanitarios, especialmente para as situacións de maior risco de exclusión, como as mulleres con discapacidade orgánica non recoñecida, con enfermidades crónicas ou as que son vítimas de violencia e abuso”, afirma o presidente de COCEMFE.

 De igual modo, ACEM e COCEMFE reclaman ao Goberno a participación das persoas con discapacidade e das súas familias, a través das súas organizacións representativas, nos plans de reconstrución social e económica que se desenvolvan a nivel europeo, estatal e autonómico, así como o cumprimento da Axenda 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible orientados a manter o carácter universal, público e gratuíto dos sistemas de saúde, a non deixar a ninguén atrás na atención sanitaria; a defender a Igualdade de Xénero; a recoñecer e valorar os coidados e o traballo doméstico non remunerados mediante servizos públicos, infraestruturas e políticas de protección social; e a reducir as desigualdades.

A realización desta campaña organizada por COCEMFE é posible grazas a unha subvención procedente do 0,7% do IRPF do Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social.

Imaxe da campaña #InclusiónImparable de COCEMFE e o Movemento Asociativo

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *