ACEM conmemora o Día Mundial do Párkinson con distintas actividades
O martes 11 de abril ACEM colocará dúas mesas informativas e de sensibilización sobre a enfermidade na Praza de Cervantes e no Hospital Clínico Universitario de Santiago.
A asociación participará na Xornada polo Día Mundial do Párkinson que organizan o Servizo de Neuroloxía do CHUS e o Grupo de Neurobioloxía Celular e Molecular da Enfermidade de Párkinson (USC) ás 17h na Facultade de Medicina.
Como entidade adherida da Federación Española de Párkinson, ACEM sumarase á súa campaña do Día Mundial baixo o lema “Dame o meu tempo”.
No marco desta celebración o prestixioso Restaurante “Retiro da Costiña” ten programada unha comida solidaria en beneficio de ACEM.
O 11 de abril é o Día Mundial do Párkinson, e a Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (ACEM) -que dende 2019 integra tamén ás persoas afectadas de Párkinson– ten preparadas para estos días diversas actividades divulgativas e de sensibilización sobre a enfermidade.
Este martes, 11 de abril, ACEM estará presente na Praza de Cervantes e no Hospital Clínico Universitario de Santiago en horario de 10 a 14hrs. con dúas mesas de sensibilización e visibilización sobre a enfermidade.
Pola tarde a partir das 17hrs. participará na Xornada polo Día Mundial do Párkinson que organiza o Servizo de Neuroloxía do CHUS e o Grupo de Neurobioloxía Celular e Molecular da Enfermidade de Párkinson (USC) na Facultade de Medicina (Salón Novoa Santos).

A asociación sumarase ademais a campaña de sensibilización da Federación Española de Párkinson-da que é entidade adherida- “Dame o meu tempo”, que incide e pon en valor os tempos das persoas con párkinson buscando a empatía da sociedade. Entre outros, con camisetas solidarias deseñadas por unha persoa afectada pola enfermidade, que recolle o lema de dita campaña.

O venres 14 de abril de 12 a 14hrs. ACEM seguirá cos actos de conmemoración do Día Mundial da enfermidade na súa sede, cun encontro que contará coa visita do Grupo de Neurobioloxía Celular e Molecular da USC, e no que haberá unha intervención sobre disfaxia a cargo da logopeda de ACEM Jessica Arufe. Unha xornada que servirá para compartir tempo e experiencias entre as persoas socias.
Comida Solidaria no Restaurante “Retiro da Costiña”
No marco do Día Mundial do Párkinson, o prestixioso restaurante “Retiro da Costiña” organiza unha comida solidaria en beneficio de ACEM, que terá lugar o 26 de abril.
Para colaborar con ACEM, Costiña propón unha selección de propostas gastronómicas que teñen sorprendido aos seus clientes ao longo de corenta anos, e os recupera para este menú tan especial. O restaurante realizará un percorrido polas propostas gastronómicas máis aplaudidas na súa dilatada carreira, con catorce pases. É unha ocasión única de volver a disfrutar de sabores do pasado e dos máis actuais.
Só 36 persoas poderán desfrutar do menú degustación que Manuel Costiña e o seu equipo diseñaron para esta comida de carácter solidario que se comercializará por 150€/persona. O cen por cen do importe recadado está destinado a ACEM. As prazas cubriranse por orde de reserva, e haberá también unha Fila 0.
Reservas:
Restaurante Fogón Retiro da Costiña. Telf. 981 880 244
Colaborar con Fila Cero:
Transferencia: La Caixa: ES66 2100 2186 9502 0011 6714
Bizum Código: 04099
Leave a Reply