Actualidade

A depresión na Esclerose Múltiple

As persoas con enfermidades neurolóxicas teñen máis risco de padecer depresión; e os pacientes con Esclerose Múltiple non son unha excepción.

Cando se fai referencia á depresión non se debe confundir coa tristeza, que pode ser un síntoma da depresión, pero tamén pode presentarse de xeito aillado e sen carácter patolóxico.

É usual as persoas que son diagnosticadas de Esclerose Múltiple experimenten un proceso semellante ao luto, vinculado especialmente á perda de funcións e á discapacidade. Este proceso caracterízase pola presenza dunha serie de fases ou etapas: negación, ira, negociación, DEPRESIÓN e aceptación. É esta a razón pola que a presenza de depresión, non só é común en persoas diagnosticadas de  EM, senón que forma parte do proceso de aceptación.

A intervención psicoterapéutica dende o momento inicial, pode axudar no proceso de aceptación da doenza e evitar que a sintomatoloxía depresiva adquira un carácter patolóxico e desadaptativo, que xere unha interferencia significativa sobre a vida e as actividade diarias das persoas.

As causas da depresión:

Dende o punto de vista psicolóxico, algunhas das causas da depresión vinculada á EM poden ser:

  • O seu carácter crónico e dexenerativo, o que implica a ausencia de curación e a posibilidade de niveis elevados de discapacidade ou dependencia.
  • As persoas diagnosticadas de EM adoitan sentirse incomprendidas e ailladas pola sociedade, e mesmo, polo seu entorno máis achegado.
  • O diagnóstico da doenza adoita ter lugar na xuventude e producir unha ruptura nos proxectos e obxectivos vitais.
  • A incerteza respecto ao seu futuro e á evolución da enfermidade, debido fundamentalmente ao carácter incerto desta doenza e ao descoñecemento existente en canto a súa etioloxía e curso.
  • Certos síntomas habituais na EM como a dor crónica, a fatiga, a ansiedade ou as alteracións físicas e cognitivas, se relacionan ademais coa presenza dun estado de ánimo negativo e unha maior tendencia á depresión.

Síntomas da depresión.

As manifestacións máis frecuentes da depresión son a tristeza, a culpa, a irritabilidade, a ira, a perda de enerxía ou interese, a desesperanza e o desánimo. Outros síntomas como o insomnio ou as alteracións no apetito, aínda que menos frecuentes, son tamén indicativos da presenza de alteracións emocionais.

O soporte social e familiar, o contacto con amigos ou con unha asociación de pacientes, a práctica de deporte ou de técnicas de relaxación e meditación, etc. poden axudar a mellorar, de xeito significativo, o estado de ánimo do/da paciente, mesmo no caso de estados depresivos leves; porén, o máis usual é a necesidade de recorrer a profesionais sanitarios para a abordaxe axeitada da depresión.

Dende o ponto de vista profesional, tanto a depresión como os seus síntomas, poden ser tratados de dou xeitos: con tratamentos farmacolóxicos ou terapias non farmacolóxicas, entre as que destaca a psicoterapia.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *