Actualidade

ACEM organiza o “Esclerotic Fest” para visibilizar a enfermidade no eido da cultura

  • O festival solidario de música é este domingo 27 de novembro ás 20h. na Sala Capitol e conta coa participación de catro bandas: Biribirlocke, The Tetas´Van,  Brassica Rapa e Battosai.
  • O Esclerotic Fest nace para converterse nunha cita musical de referencia na cidade, e para visibilizar a esclerose múltiple no ámbito da cultura.  
  • O venres 25 de novembro ás 20h. Compostela Solidaria celebra seu VI Concerto Solidario en La Salle, que este ano é a favor de ACEM.
Cartace do festival

A Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (A.C.E.M.) organiza este outono o seu evento solidario anual, esta vez por todo o alto e en forma de festival de música: o “Esclerotic Fest”.

O Esclerotic Fest nace cunha doble finalidade:  por un lado converterse nunha cita musical de referencia na cidade, e por outro visibilizar a esclerose múltiple no ámbito da arte e a cultura e particularmente entre a xente máis nova.

A presidenta de ACEM, Teresa González Salvadores destaca do Esclerotic que: “ queremos chegar ao público máis novo da cidade, que coñezan a existencia da nosa entidade, que se familiaricen coa enfermidade e as reivindicacións e necesidades do colectivo”.  Ademáis, pretende apelar á conciencia solidaria dos máis novos, “que experimenten a satisfacción de contribuir a unha causa solidaria ao tempo que desfrutan de boa música feita en Galicia”.

Entre os artistas do Esclerotic hai moitos locais e da contorna de Santiago, como a banda de rock Biribirlocke, Battosai ou Brassica Rapa: bandas de distintos estilos e con alta compoñente festiva.

Como evento solidario anual, a cita ten coma obxectivo tamén obter a captación de fondos precisa para prestar os servizos sociosanitarios que necesitan as persoas afectadas de esclerose múltiple, párkinson e outras enfermidades neurodexenerativas semellantes que reciben atención sociosanitaria no Centro de Rehabilitación Integral de ACEM.

O ESCLEROTIC FEST terá lugar o domingo 27 de novembro ás 20 hrs na Sala Capitol. As entradas solidarias poden adquirirse por 12euros en A Reixa Tenda, ACEM O Transistor de Bertamiráns, e online en: https://www.woutick.es/evento/24071/entradas-esclerotic-fest-acem

O festival está patrocinado por Bristol Myers Squibb e conta coa colaboración do Concello de Santiago, Viaqua, Altia, García Salgado Asesores, Gadis, Otero Caritón, Los Ángeles Gas, Prysma, Portomédica, Novoneón Rotulos, Monbus, ACV Publicidad, A Reixa Tenda e O Transistor.

Haberá rock, pop, punk rock, fanfarria…. festa asegurada!

O Esclerotic Fest conta coa actuación desinteresada de catro bandas de referencia da escea musical galega: Biribirlocke, Battosai, Brassica Rapa e The Tetas Van.

THE TETAS ´VAN

The Tetas ´Van é un sexteto mixto ourensá de identidade feminista que nos convidan ao baile e á festa. Está formado por Lucía Gil (voz e pandeireta), Omar Reza (guitarras e coros), Pablo Cachafeiro (baixo e coros) Lorena Negreira (batería e coros), María Mendoza (teclados e coros) e Irene Somoza (saxo e coros). Teñen un repertorio que é unha divertida selección de versión de temas coñecidos adaptados á nosa realidade.  

BIRIBIRLOCKE

Esta banda de Bugallido e contorna comezou no rock and roll en 2010. A banda está formada por Héctor Ojea na batería, Raúl G. Doldán na guitarra, Carlos Freire no baixo, Andrea Pérez no saxo e Benja Seoane na voz.  O seu é gozar enriba dos escenarios. Defíneos a enerxía dos seus directos e o tipo de música que fan, que non deixa indiferente a ninguén. Apostan por facer festa, combinando cordas e ventos nun Rock&Roll Galego xenuino!

BATTOSAI

Battosai é un grupo de rock alternativo formado por Héctor Ojea (guitarras, voz), Roque Sampedro (baixo) e Nolo Chazo (batería), que foi Premio Xuventude Crea 2020 da Xunta de Galicia.  A banda nace en 2018, inspirada por gustos compartidos polo rock dos 90 e os 2000. Héctor foi membro de Ruxe Ruxe e Terbutalina, e é membro de Biribirlocke. Nolo viña de tocar en bandas como la “Mekanika Rolling Band”. Gravaron seu primeiro albume “Battosai” en 2021: ten punk rock, grunge, rock alternativo noventeiro e moito ruido guitarreiro de ata calidade técnica.

BRASSICA RAPA

Brassica Rapa é unha brass band nacida a finais de 2017 buscando darlle unha volta ao concepto de charanga. É unha fanfarria de mulleres 100% galega. No Esclerotic non poderán estar todas, pero case todas!. Ofrecen un espectáculo moi variado que mestura a música instrumental e vocal coa multipercusión. Seu repertorio vai do pop a música tradicional galega, pasando por temas máis jazz, música actual reivindicativa ou bandas sonoras de películas. Buscan sobre todo influencias das brass band neoiorquinas, pero tamén das big bands ou charangas tradicionais.

Concerto de Compostela Solidaria en beneficio de ACEM

A fin de semana será sen dúbida unha cita musical pola esclerose múltiple, xa que a asociación Compostela Solidaria, ten organizado para o vindeiro venres, 25 de novembro ás 20h no Auditorio do Colexio La Salle o seu concerto solidario que este ano vai pola VI edición. Un concerto presentado por Moncho Lemos e Ramón Castro que contará coa participación de bandas dos sesenta e setenta: Zona Vella, Alta Tensao, The Music Stars, V-Roc e Los Potes. Este ano ACEM será a entidade beneficiaria deste concerto solidario, e as entradas xa poden adquirise en A Reixa tenda, ACEM e Asthor Decoración en Santiago.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *