Causas da EM

asociación española de esclerósis múltiple

Causas da EM

A causa exacta da EM descoñécese. A EM prodúcese a consecuencia da destrución da mielina, unha funda protectora que rodea as fibras nerviosas do sistema nervioso central. Este dano á mielina interrompe a transmisión entre as neuronas interferindo a comunicación entre o cerebro e outras partes do corpo.

O dano á mielina pode deberse a unha resposta anormal do sistema inmune que normalmente defende o corpo contra a invasión de organismos tales como bacterias e virus. Moitas das características da EM suxiren unha enfermidade autoinmune. Nas enfermidades autoinmunes, o organismo ataca sen advertencia as súas propias células e tecidos, que no caso da EM, é a mielina.

Aínda que non se coñece todo sobre a orixe da EM, a teoría máis aceptada é que existen dúas posibles causas que sumadas poden desencadear a enfermidade: susceptibilidade xenética e factores ambientais.

Factores xenéticos

Os investigadores identificaron xenes particulares que poden determinar unha predisposición para contraer a enfermidade; é dicir, algunhas persoas teñen máis risco que outras de desenvolver a enfermidade, sen que polo momento coñezamos con exactitude cales son os xenes implicados.

Factores ambientais

Crese que un factor ambiental descoñecido, probablemente un virus latente no corpo, libera o efecto destes xenes actuando como disparador do proceso inmunitario anómalo que leva ao ataque á mielina e, por tanto, ao desenvolvemento da enfermidade.

Qué sabemos con seguridade sobre a EM?

Son moitos os enigmas que rodean a esta enfermidade; con todo, o noso coñecemento sobre ela avanza de forma imparable e cada vez son máis os datos que coñecemos en detalle sobre ela. Entre estes, destacaremos algúns:

  1. A EM produce lesións na mielina, que é a substancia que recubre as prolongacións das neuronas. A mielina é importante porque axuda ás neuronas para comunicarse.
  2. Esas lesións, ou placas prodúcense por acúmulos de celulas inflamatorias que penetran no sistema nervioso e atacan á mielina, destrúena e poden interromper a transmisión entre as neuronas.
  3. Dependendo do grao da lesión, a falta de comunicación entre as neuronas pode ser transitoria (sucede durante un tempo e logo recupérase) ou permanente.
  4. Cando se producen as lesións poden aparecer síntomas moi variados, tales como perda de forza, alteración da sensibilidade ou do equilibrio, perdida de visión, cansazo, etc; aínda que tamén poden pasar clinicamente desapercibidas.
  5. As placas antigas, carentes de células, permanecen a modo de “cicatrices” no sistema nervioso.