Que facemos

Servizo de Traballo Social

O servizo de traballo social é o primeiro contacto para a persoa enferma, coidadora ou familiar. Presta información sobre os distintos servizos e actividades existentes en cada momento no centro, así coma do seu funcionamento, atendendo aos problemas, necesidades e demandas (explícitas ou non) das persoas usuarias.

O servizo ten lugar de luns, martes, xoves e venres de 9 a 14 h. E mércores de 17 a 20h.

Servizo de Fisioterapia

A súa labor vai encamiñada a manter o máximo posible a independencia e funcionalidade da persoa para as actividades da vida diaria (AVD) e formando aos coidadores para previr lesións musculares derivadas dos coidados prestados (escola de costas e ergonomía no manexo da persoa dependente).

O servizo ten lugar de luns a venres en horario de mañá. Mércores e xoves tamén á tarde.

Servizo de Logopedia

Aínda que a súa intervención é extensa, destacaremos o seu papel rehabilitador en procesos cognitivos alterados como a percepción, a atención ou a memoria, trastornos fonorespiratorios, articulatorios, de deglución (disfaxia), succión e masticación (utilizando terapia Miofuncional e Orofacial), trastornos da fala e da voz.

O servizo ten lugar de luns a venres en horario de mañá.

Servizo de Psicoloxía

Orientado ás persoas afectadas e a familiares, as actuacións van encamiñadas a: identificar e intervir nos distintos trastornos, proporcionando habilidades para o afrontamento do estrés diario e control da ansiedade; detectar e procurar o cambio de pensamentos, crenzas erróneas e disfuncionais en torno á enfermidade e as súas implicacións; alentar a expresión de sentimentos, ofrecer apoio, soporte verbal e información; mellorar a autoestima e motivar no establecemento e consecución de novas metas.

O servizo desenvólvese de luns a xoves en horario de mañá.

Servizo de Terapia Ocupacional

O obxectivo deste servizo é adestrar, readestrar ou adaptar todas as Actividades da Vida Diaria (AVD) co fin de acadar unha maior autonomía e independencia das persoas afectadas. Abarca tarefas relacionadas co autocoidado, pero tamén co lecer e o tempo libre. A finalidade última é capacitar ás persoas para lograr o seu benestar xeral e aumentar así a súa calidade de vida. Entre as funcións deste servizo tamén están o asesoramento e a adaptación en relación a Produtos de Apoio, co fin de lograr a maior funcionalidade e independencia.

O servizo desenvólvese de luns a venres en horario de mañá e xoves tamén á tarde.

Outras actividades a destacar:


Terapias Alternativas: Pilates

Dende a ACEM sabemos que é de vital importancia a calidade de vida das persoas coidadoras, por iso nesta actividade, impartida a través de dúas clases semanais (martes e xoves de 12,30 a 13,30h), se levan a cabo accións dirixidas a manter o seu benestar físico e mental. Pilates está dirixido tanto a persoas afectadas pola doenza como a familiares/coidadores.

Programa de golf adaptado

Cunha periodicidade semanal dun día (os venres), persoas afectadas de EM acuden a realizar esta actividade adaptada para persoas con discapacidade no Real AeroClub de Santiago.  Coa mesma foméntase o desenvolvemento físico mediante a realización dunha actividade que potencia a súa autonomía persoal. Unha actividade que é posible grazas á colaboración da Federación Galega de Golf.

Xornadas formativas/informativas

Na actualidade, a pesar dos avances, a Esclerose Múltiple é unha enfermidade neurodexenerativa para a que non existe cura, pero a pesar diso podemos lograr que a persoa afectada estea ben atendida e teña unha boa calidade de vida se dotamos ás persoas doentes e coidadoras de coñecementos necesarios para facer fronte da mellor maneira posible aos coidados diarios: de ahí a realización de xornadas, accións formativas e informativas.

Os obxectivos a destacar destas actividades son a formación das persoas coidadoras e familiares sobre todos os aspectos da enfermidade e a adquisición dunha maior compresión e sensibilización ante a doenza.

Eventos solidarios e actividades de divulgación e sensibilización

Destacamos as edicións anuais da Carreira e Andaina Solidarias pola Esclerose Múltiple e do Concerto Solidario Online pola esclerose múltiple, así como os actos realizados con motivo dos días Mundial e Nacional da EM, o do Día Mundial do Párkinson.

Ademais, ACEM leva a cabo campañas de divulgación e sensibilización como “Cores para a esclerose” ou “Móvete en taxi pola esclerose”, ésta última galardonada co Premio á mellor campaña de concienciación e  divulgación nos V Premios Solidarios “Con la EM” da Fundación Merck Salud.

Ocio e tempo libre

Encontros de confraternidade entre as persoas asociadas.

Obradoiro de pintura

A arte constitúe un espazo de expresión e desarroio persoal, favorecendo a través deste obradoiro o encontro e a participación social. As clases contribúen a potenciar a creatividade para mellorar a saúde, na medida do posible. O contacto directo fai que as persoas participantes impulsen as súas relacións, así como a súa autonomía, promovendo, ao mesmo tempo, unha maior integración.

O servizo ten lugar os mércores en horario de 17,15h a 19,15h.

taller-pintura-acem