Tipos de Esclerose Múltiple
O curso da EM non se pode prognosticar. Algunhas persoas ven minimamente afectadas pola enfermidade, e noutras avanza rapidamente cara á incapacidade total; pero a maioría de afectados sitúase entre os dous extremos. Aínda que cada persoa experimentará unha combinación diferente de síntomas de EM, hai varias modalidades definidas de presentación e evolución da EM:
Esclerose Múltiple recurrente-remitente (EMRR):
Nesta forma de EM prodúcense períodos de recaída (brotes) seguidos de etapas de estabilización de duración variable (días ou meses). Estas recaídas consisten xeralmente na aparición de síntomas neurolóxicos debidos a unha nova lesión no sistema nervioso central. Tras o brote pode haber unha remisión parcial dos síntomas e mesmo unha recuperación total. A enfermidade pode permanecer inactiva durante meses ou anos. É o tipo máis frecuente afectando inicialmente ao redor do 85% das persoas con EM.
Esclerose Múltiple progresiva secundaria (EMPS):
Nalgunhas persoas que teñen inicialmente EM con recaídas e remisións, desenvólvese posteriormente unha incapacidade progresiva no curso da enfermidade, frecuentemente con recaídas superpostas e sen períodos definidos de remisión. Entre un 30 e un 50% dos pacientes que sofren inicialmente a forma recorrente-remitente da EM, desenvolven a forma secundaria progresiva.
Esclerose Múltiple progresiva primaria (EMPP):
Esta forma de EM caracterízase pola ausencia de brotes definidos, cun comezo lento e un empeoramento constante dos síntomas e da discapacidade. Aproximadamente o 10% das persoas con EM son diagnosticados con esta forma progresiva primaria.
Esclerose Múltiple progresiva recidivante (EMPR):
É a forma menos común, dándose nun 5% dos casos. Caracterízase por unha progresión constante e sen remisións desde o comezo cunha clara superposición de brotes con ou sen recuperación completa.