Actualidade

ACEM presenta “Cores para a esclerose”: unha campaña de divulgación da esclerose múltiple entre o alumnado de primaria cun concurso de debuxo

  • A campaña realízase con motivo do vindeiro Día Mundial da Esclerose Múltiple (30 de maio de 2021) e conta coa colaboración dos Concellos de Santiago, Ames, Teo, Brión e Oroso, e agarda obter tamén o respaldo da comunidade educativa.
  • Os obxectivos da campaña son  visibilizar a enfermidade cunha compoñente didáctica, traballar valores como a empatía, a inclusión e  a diversidade, e transmitir a importancia do tecido asociativo nas comunidades.   
  • “Cores para a esclerose” concrétase nunha presentación didáctica na aula e nun concurso de debuxo no que poderá participar o alumnado de primaria dos centros educativos que se adhiran á campaña.

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2021.  Con motivo do vindeiro Día Mundial da Esclerose Múltiple (30 de maio de 2021), a Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (ACEM) ten preparada xa unha campaña de concienciación, divulgación e visibilización da enfermidade na comunidade escolar, especificamente entre o alumnado de primaria dos centros educativos de Santiago de Compostela e a súa contorna (Ames, Brión, Oroso e Teo).

A campaña conta coa colaboración dos Concellos de Santiago, Ames, Teo, Brión e Oroso, da empresa Alcampo, e agarda obter tamén o respaldo da comunidade educativa.

Segundo explica Yolanda del Campo, encargada de comunicación de ACEM, a campaña leva por nome “Cores para a esclerose” porque “coa campaña queremos tanto visibilizar a esclerose múltiple como dárlle cor; no sentido de arroxar luz e optimismo como actitude necesaria para afrontar unha enfermidade crónica e dexenerativa. As cores fronte ao negro, que representa a escuridade.  Ademais porque a campaña ten un concurso de debuxo”.  

OBXECTIVOS:

  • Visibilizar a enfermidade entre o alumnado de educación primaria, cunha compoñente divulgativa e didáctica: que os nenos comprendan –acorde á súa idade- unha enfermidade descoñecida ou erroneamente coñecida.
  • Traballar na educación primaria valores tan importantes na sociedade como a empatía, a inclusión, a diversidade e a solidariedade.
  • Transmitir a importancia do tecido asociativo,por ser puntos de apoio fundamentais nas comunidades. Que as nenas e os nenos saiban que as persoas afectadas non están soas, se non que ademais da asistencia sanitaria reciben apoio, atención e servizos nas asociacións de pacientes.

DESTINATARIOS:

A campaña está dirixida aos centros de educación primaria de Santiago, Ames, Brión, Oroso e Teo, e na mesma se lles convida a dar a coñecer entre o alumnado a enfermidade, a través dunha presentación didáctica nas aulas e a súa participación nun concurso de debuxo 

ACEM ofrecerá aos centros educativos que se sumen a esta campaña, o material didáctico necesario para facer esa presentación na aula, material elaborado por Lorena Martínez, graduada como mestra de Educación Primaria, coa colaboración do equipo técnico de ACEM.  

Material que consiste nunha presentación con contido axeitado a súa idade, con ilustracións e un circuito práctico de exercicios. A presentación acompañáse ademais dun distendido vídeo onde persoas afectadas contan a súa historia de superación ao alumnado, así como a a importancia das redes de apoio e da boa actitude ante a enfermidade.

  Material didáctico para a presentación na aula


Material didáctico para a presentación na aula
VÍDEO: Persoas afectadas contan a súa experiencia ao alumnado de primaria, no marco da campaña “Cores para a esclerose”

CONCURSO DE DEBUXO:

A campaña “Cores para a esclerose” concrétase nun concurso de debuxo no que pode participar o alumnado que recibiu a presentación didáctica na aula, é dicir, cuxo centro educativo está adherido á campaña.  

A técnica para a realización do debuxo é libre. O que sí é importante é que os debuxos teñan cores, porque a campaña pretende darlle luz a enfermidade, como símbolo de que ante a mesma non todo é negro e escuro. 

Así,  pódese inventar a apariencia da enfermidade cunha personaxe, pódense representar os síntomas ou ás persoas que o padecen, ás persoas que apoian e acompañan, a actitude positiva que hai que ter ante a enfermidade, etc. trátase de que as nenas e os nenos representen nun debuxo o que aprenderon da presentación didáctica.

Para o concurso establécense tres categorías:

– Categoría A: alumnado matriculado en 1º e 2º de primaria.

– Categoría B: alumnado matriculado en 3º e 4º de primaria.

– Categoría C: alumnado matriculado en 5º e 6º de primaria.

O premio para cada unha das categorías consiste nun lote composto por:

  • unha tableta Samsung Galaxy Tab A
  • un libro
  • un lapis externo
  • unha bolsa de tea e unha pulseira solidaria de ACEM
  • un lote de material escolar.
Premio para cada unha das categorías: Tableta Samsung Galaxy máis o material da fotografía

Os 12 debuxos finalistas acadarán diploma de recoñecemento e formarán parte dun calendario solidario e dunha exposición.

As bases do concurso de debuxo pódense consultar na páxina web de ACEM.

CALENDARIO DA CAMPAÑA

Os centros educativos teñen de prazo estes días para adherirse á campaña “Cores para a esclerose” e dispoñen de dúas semanas para a realización da actividade didáctica na aula. O prazo para a entrega dos debuxos participantes finaliza o venres, 21 de maio.

A campaña culminará a semana do 24 de maio nun acto con motivo do Día Mundial da Esclerose Múltiple no que se fará entrega dos premios ás persoas gañadoras e se amosarán os debuxos finalistas.

INFORMACIÓN RELACIONADA:

Cartace do concurso de debuxo

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *