Actualidade

O programa de “Atención social e asesoramento especializado” de ACEM beneficiou xa a máis de 60 persoas


A continuidade do programa é posible grazas á cofinanciación da Xunta de Galicia, a través dos fondos do 0,7% do IRPF das persoas que marcaron “Fines Sociales” na súa declaración da renda.  

O pasado ano 65 persoas afectadas beneficiáronse deste programa de maneira gratuíta, e este ano xa o fixeron 49, só no primeiro trimestre.


Programa de Atención social e asesoramento especializado de ACEM

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2022. A Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple  (ACEM) pode continuar o seu programa de “Atención social e asesoramento especializado”, un servizo moi demandado polas persoas afectadas de esclerose múltiple e párkinson, e polas súas familias.

O servizo de “Atención social e asesoramento especializado” está cofinanciado pola Xunta de Galicia a través da convocatoria de concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0.7% do IRPF, a cal é xestionada dende COGAMI.

As actuacións deste asesoramento especializado van encamiñadas a intervención psicolóxica para persoas afectadas de esclerose múltiple e párkinson: identificar e intervir nos distintos trastornos, proporcionando habilidades para o afrontamento do estrés diario e control da ansiedade; detectar e procurar o cambio de pensamentos, crenzas erróneas e disfuncionais en torno á enfermidade e as súas implicacións; alentar a expresión de sentimentos, ofrecer apoio, soporte verbal e información; e a mellorar a autoestima e motivar no establecemento e consecución de novas metas.

As persoas socias de ACEM interesadas neste servizo poden contactar coa asociaciónnos teléfonos  981 575 240 – 620 533 471 e no mail acem.santiago@gmail.com

Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (ACEM)

A Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (ACEM) é unha entidade sen ánimo de lucro que nace no ano 1995 co fin de contribuir a mellorar a calidade de vida das persoas afectadas por esta doenza, así coma a dos seus familiares e coidadores. Dende 2019 ACEM integra tamén ás persoas afectadas pola enfermidade de párkinson. No ano 2007 foi recoñecida como entidade de Utilidade Pública.

A ACEM conta con máis de 25 anos de experiencia no colectivo de atención a persoas con discapacidade e dependencia. No seu Centro de Rehabilitación Integral ofrece unha atención multidisciplinar e integral, paliativa e preventiva a través dun equipo multidisciplinar de acción conxunta especializado no sector.

ACEM ten coma obxectivo principal mellorar a calidade de vida das persoas con Esclerose Múltiple, así como a dos seus familiares e coidadores. Pertence a COGAMI, FEGADEM e a AEDEMCOCEMFE.

PROGRAMA DE ATENCIÓN SOCIAL E ASESORAMENTO ESPECIALIZADO

  • Cofinanciamento: Xunta de Galicia
  • Entidade beneficiaria: COGAMI
  • Entidade executante: ACEM, Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple.  
  • Título do proxecto:  Atención Social e asesoramento especializado.
  • Título do programa: Atención Social e asesoramento especializado.
  • Subvención con cargo aos fondos do 0,7 % do IRPF procedente das persoas que marcaron a casilla “Fines Sociales” na súa Declaración da Renda.
  • Subvención xestionada por COGAMI.
  • Convocatoria:   Orde do 9 de setembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *