Español' Galego'
Cookies

Logopedia

Logopedia
Logopedia

Desde - Hasta: 01/03/2022 - Actualmente

O servizo de logopedia desenvólvese en ACEM a partir de tres terapias diferenciadas: miofuncional, vocal e cognitiva.

Terapia miofuncional

Está dirixida a aquelas persoas con dificultades na musculatura orofacial e na súa funcionalidade, que repercute na vida diaria da persoa. Estes casos poden incluír disfaxias, disartrias, parálises. Dentro desta terapia atópanse todos aqueles procedementos coa musculatura da cara, tanto de tonificación para aqueles usuarios cunha musculatura máis hipotónica ou fláccida; como de relaxación, para aqueles casos nos que existen unha elevación do tono. Así mesmo, tamén se engloban exercicios musculares para un maior control do bolo e unha deglutición máis segura e eficaz, unha maior intelexibilidade ou tamén unha maior simetría e amplitude de movemento.

Terapia vocal

Dirixida a aquelas persoas con alteración nas calidades da voz, xa ben sexa o timbre, o tono, a tonalidade, o volume, etc. Para isto recórrese á aprendizaxe de técnicas de impostación vocal e aproveitamento dos resoadores anatómicos. Deste xeito adquírese unha mellor colocación da voz así como unha mellor utilización da mesma, evitando polo tanto disfonías ou outros problemas vocais derivados do abuso ou mal uso da voz. De igual forma tamén se adquiren os correctos hábitos de hixiene vocal para evitar doenzas posteriores.

Terapia cognitiva

Moitas das persoas usuarias que acoden á Asociación precisan unha terapia baseada sobre todo na parte cognitiva debido a un deterioro das funcións. Con este obxectivo trabállase para optimizar a memoria a corto e a longo prazo, así como os diferentes tipos de atención (selectiva, sostida, dividida). De igual forma tamén se realizan intervencións para a redución do fenómeno da punta da lingua ou anomia, e para a capacidade de acceso ao léxico e de recuperación do mesmo. Optimizando tamén a habilidade de planificación e organización da información, entre outros. No ámbito da linguaxe búscase un discurso cunha maior cohesión e cunha maior riqueza de expresións, así como un repertorio léxico axeitado á idade e unha grafía adecuada.