Actualidade

ACEM conmemora o Día Mundial do Párkinson con diversas actividades

O xoves 7 de abril ACEM celebrarase unha xornada informativa sobre a enfermidade, coa presencia de neurólogos do CHUS que poderá ser seguida tamén online. 

A campaña de sensibilización #TeñoPárkinson visibilizará a sintomatoloxía menos coñecida da enfermidade para buscar a empatía social.

O propio Día Mundial do Párkinson haberá unha mesa informativa na Praza do Toural en Santiago que sensibilizará sobre a enfermidade.  

SANTIAGO, 06 de abril de 2022. O vindeiro luns 11 de abril é o Día Mundial do Párkinson, e a Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (ACEM) -que dende 2019 integra tamén ás persoas afectadas de Párkinson- ten preparadas para estos días diversas accións divulgativas e de sensibilización sobre a enfermidade.

Este xoves, 7 de abril, ás 17hrs. terá lugar en ACEM unha xornada informativa sobre Párkinson na que participarán os doutores Ángel Sesar Ignacio, coordinador da Unidade de Trastornos do Movemento do CHUS; Gustavo Fernández Pajarín, neurólogo da mesma unidade e Isabel Jiménez Martín, neuropsicóloga. A xornada abordará diversos temas en torno á patoloxía: a interacción do párkinson con outras enfermidades, tratamentos e apoios non farmacolóxicos na súa evolución (como o exercicio físico ou a alimentación),  así como os síntomas non motores da enfermidade como a perda do olfacto, os trastornos do sono ou a depresión.  Unha cita que ademais de ser un punto de encontro para as persoas socias afectadas, poderá ser seguida tamén de forma online.

O luns 11 de abril, Día Mundial do Párkinson, ACEM colocará de mañá unha mesa de visibilización na Praza do Toural en Santiago, na que participarán persoas afectadas.

Campaña de sensibilización #TeñoPárkinson

Por outra banda, a asociación lanzará este mércores a campaña de sensibilización #TeñoPárkinson, unha iniciativa das propias persoas socias afectadas para visibilizar aquela sintomatoloxía e afectación que non resulta tan coñecida da enfermidade, coa finalidade de visibilizar e buscar tamén a empatía da sociedade coas persoas afectadas.

Baixo o lema #TeñoPárkinson a campaña pon no centro ás persoas afectadas para dar a coñecer outra sintomatoloxía e afectación do párkinson. Así, a través do rostro de catro persoas afectadas socias, a campaña apela á comprensión social con esos síntomas que non son tan coñecidos da enfermidade, como son a lentitude nos movementos ou a inexpresividade facial -entre outros- e que van máis aló do tremor en repouso.  “Aínda que non me ves tremer, teño párkinson”, “Non son lenta, teño párkinson, dame tempo”; “Non son inexpresivo, teño hipomimia polo párkinson”: son as mensaxes da campaña. Igualmente, reflicte que o padecemento da enfermidade non está sempre ligado á idade: “Aínda que non son maior, eu tamén teño párkinson”.


A enfermidade de párkinson

O Párkinson é a segunda enfermidade neurodexenerativa máis prevalente na actualidade despois do Alzhéimer, e pertence aos chamados Trastornos do Movemento. En España afecta a máis de 150.000 persoas, e en Galicia se estima que hai entre 7.000 e 8.000 persoas afectadas.

A enfermidade de párkinson é un trastorno neurodexenerativo que afecta ao sistema nervioso de maneira crónica e progresiva.  Coa enfermidade o control de movemento vése alterado, dando lugar aos síntomas motores típicos, como o tremor en repouso, a lentitude de movementos, a rixidez muscular ou a inestabilidade postural. A enfermidade presenta tamén  síntomas non motores como perda do olfacto, depresión e  trastornos do sono, entre outros.

O máis común é que a enfermidade se inicie entre os 50 e os 60 anos, se ben, existen manifestacións precoces antes dos 40 anos.  Non todas as persoas afectadas presentan os mesmos síntomas, nin a evolución da enfermidade segue o mesmo curso.  

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *